A aplicación dunha estratexia común por parte dos organismos, organizacións e entidades participantes no proxecto repercutirá nunha serie de impactos positivos para o conxunto da cidadanía nas cidades da Eurorrexión. Así, entre os resultados esperados, perseguirase moi especialmente a sustentabilidade dos seus produtos finais e o nivel en que se involucra a sociedade neles, é dicir, comprobar que grao de utilidade real ten o proxecto para a poboación.
Preténdese que sexan as propias administracións locais e rexionais quen asuman a xestión, mantemento e actualización das accións. Para isto deséñanse, precisamente, as accións como o manual de implantación, o observatorio eurorrexional e o BANCO.TIC. Todas elas requiren a implicación activa das administracións que son, precisamente, as súas beneficiarias principais. Así pois, o proxecto busca xerar e presentar os instrumentos, a metodoloxía de coordinación e, sobre todo, xerar unha inercia de cooperación e modernización constante da Administración local na Eurorrexión.
A Xunta de Galicia e a CCDR-N, en calidade de gobernos rexionais, garantirán a continuidade da cooperación en materia de observación da Administración local e as TIC, máis aló do período de execución do proxecto. Pola súa banda, o Eixo Atlántico comprométese a colaborar, a través dos 34 municipios que o integran, na difusión e mellora dos instrumentos desenvolvidos, así como na retroalimentación destes. Este compromiso materializarase na sinatura dun protocolo de colaboración para a mellora continua da Administración local a través da ADL que ademais estará aberto á adhesión de calquera outra entidade interesada.
