PARNET-TIC puxo en marcha programas ao servizo da poboación, ensaiando formas de e-goberno e administración electrónica co fin de lograr mellorar as infraestruturas, servizos e accesibilidade nestes municipios, favorecendo así a participación dos cidadáns nas políticas públicas.
A nivel operativo o proxecto baseou a súa actividade no establecemento dunha Rede de Participación e Servizos Dixitais en territorios rurais, desenvolvendo un intenso programa de formación, impartido con gran éxito polos dinamizadores locais a través da rede de antenas ou puntos de información dispostos nas áreas de influencia das entidades socias.
No deseño dos servizos dixitais desenvolvidos para a prestación de servizos en liña, deuse prioridade ao uso de software libre e tívose en conta no deseño a eliminación de barreiras á accesibilidade. Ademais, todos os servizos permiten o acceso mediante a tecnoloxía OpenID, facilitando así a participación cidadá.
Os servizos dixitais desenvolvidos foron:
- Sistema de avisos xeorreferenciados e información xeorreferenciada.
- Sistema de xestión e promoción de puntos limpos.
- Envío e recepción de mensaxes a móbiles (SMS).
- Sistema de consultas á cidadanía.
Pero a intención de PARNET-TIC é a de ir moito máis alá, posto que as aplicacións desenvolvidas polo Proxecto son totalmente transferibles e están a disposición daquelas institucións e organismos locais que desexen mellorar o seu catálogo de servizos "online" implantándoas nos seus territorios e adheríndose á Rede xerada.
Xa na súa recta final, é necesario presentar unha recapitulación dos resultados alcanzados, entre os que cabe destacar:
- A creación dunha rede de 33 antenas no territorio, que cobren 9 municipios en España e Portugal, cunha poboación total afectada de máis de 92.000 persoas.
- A elaboración de documentos de gran importancia de cara á transferencia de resultados e que poden resultar de interese para as posibles experiencias futuras no terreo. Entre estes informes destacan un documento de boas prácticas en e-administración e e-goberno, así como a enquisa transnacional sobre prestación de servizos e administración e mecanismos de e-participación, a cal permitiu a creación dunha base de datos e realizar un estudo diagnóstico sobre a situación da prestación de servizos dixitais e e-participación nos devanditos territorios.
- A elaboración dun Plan Director, que definiu a estratexia a seguir. Este Plan serviu de base para o deseño dos servizos dixitais de e-administración e mecanismos de e-participación máis adecuados á realidade dos territorios onde se ían a implementar.
- A creación dunha Rede de Participación e Servizos Dixitais en territorios rurais, formalizada a través de acordos de adhesión.
- A difusión de aplicacións e usos TIC no rural e formación á cidadanía a través dos Puntos de Antena.
Os indicadores do Proxecto mostran o alto grao de penetración alcanzado entre a poboación dos puntos de antena, grazas ao gran número de accións destinadas á alfabetización dixital, difusión das aplicacións e utilidades de e-administración.
Esta experiencia piloto no uso das ferramentas TIC no rural supuxo unha oportunidade inmellorable para as administracións participantes de mellora do seu catálogo de servizos "en liña".
Como se indicou, é importante reiterar que as aplicacións de PARNET-TIC desenvolvéronse co fin de que sexan facilmente actualizables e adaptables a outras contornas tecnolóxicas, son totalmente transferibles e están a disposición de todas aquelas institucións, especialmente as de ámbito local, interesadas na súa implantación.
O Proxecto PARNET-TIC conta co apoio financeiro do programa de cooperación territorial SUDOE (FEDER) da Unión Europea. Liderado pola Deputación da Coruña, nel participan ademais as Deputacións de Almería, Huesca e Lugo, o concello de Lugo, a Câmara Municipal de Águeda (Portugal) e o Pôle de Recherche et d'Enseignement Supérieur da Universidade de Montpellier (Francia).
















